ARQUITECTURA E
HUMANISMO,
CONCEPTUALIZACIÓN A
PROL DUNHA NOVA PRAXE
Co gallo do interese dos membros do grupo
creador desta publicación sobre o humanismo en xeral e sobre a súa relación
coas diferentes disciplinas, escribo este texto que non é máis que un
conglomerado de opinións e ideas persoais as cales se consideraron oportunas
arrexuntar para este número, coa intención de crear unha crítica dende a
arquitectura. Unha visión do que é e unha conceptualización do que eu espero
que sexa, en función tanto dos meus presupostos persoais coma os confluíntes,
dunha forma ou outra, no grupo antes citado, como son a vontade de execución
dunha praxe humanística por diversas vías como medio de realización do home e
da sociedade, a importancia do factor da multiculturalidade, ou a conciencia
social que aflora neste grupo.
1. A praxe
arquitectónica-humanística
En principio, a arquitectura xa é unha praxe
en si mesma, mais cal é a relación desta coa praxe humanística? Para min
é se subordinación, porque considero a esta como unha corrente e execución
superior, por encima de toda disciplina particular ou campo parcelario do
coñecemento, algo que debe guiar á arquitectura. Cando menos neste caso,
se ben pode ser que outras disciplinas non precisen ou conveña que foran
guiadas. Mais eu, en termos xerais, considero que a praxe humanística non é
unha fortuita suma das praxe máis pequenas levadas a cabo polos executores das
diversas disciplinas, que, sen ningunha discusión acordo previo de principios
compartidos, exercen só cunha chamada ''atitude bondadosa'', que por moi común
que sexa a todas, non é o que aquí queremos definir como humanismo. Respecto á
miña disciplina, o humanismo consiste en levar a cabo e materializar unha serie
de valores e intencións que se consideran acertados, como son algúns propios da
Ilustración (a liberdade, a xustiza ou a igualdade), así como a búsqueda do
coñecemento, e todo este conxunto, para min, aplicado a tódala sociedade sen
distincións. Todo isto aceptando os estudos postilustrados sobre o ser humano,
dende os ''filósofos da sospeita'' ata as teorías contemporáneas, é dicir, os
que indaga na búsqueda dun coñecemento do ser humano máis alá das teorías
vixentes no momento de aparición deses ideais agora ''recuperados''. E por todo
isto para min a arquitectura debe rendirse ante o humanismo, que é máis grande
que ela, que abarca moito máis. E o seu papel será por ó seu servizo unha
técnica e uns coñecementos o máis avanzados e profundos posíbeis, tarefa
concreta que xa nos atinxe ó actores da nosa disciplina.
A partir dunha valoración positiva da
multidisciplinariedade, tanto a propia do humanismo orixinal (persoal), como a
máis actual (tarefa colectiva, como a expresada por Henri Lefebvre,
especialmente enfocada ó campo do habitar), atopamos un problema epistemolóxico
con respecto a esta. Así, se ben antes un dos ideais do humanista era abarcar
tódolo coñecemento posíbel, e realmente certas persoas eran capaces de tratar
con profundidade varios campos á vez, mesmo revolucionando as teorías de máis
dunha materia (dende Aristóteles ata Descartes, ata outras personaxes máis
modernas), isto xa non é tan posíbel, debido á gran cantidade de información
por disciplina do cal dispoñemos. Tal vez, ó máximo que podemos aspirar é a un
profundo coñecemento da nosa disciplina (que é, á vez, moi especializado e
divisíbel), sobre unha formación común base, que sexa á vez unificadora e
posibilitador dunha vontade multidisciplinaria, que agora deberá ser
multipersoal, colectiva. A miña especial interese neste aspecto é debida á
preocupación polo ser humano e á vontade de actuar no seu favor (principios
fundamentais do humanismo), para a cal precisamos do mellor coñecemento posíbel
que poidamos dispor sobre el, e isto non
se consegue dentro dunha soa disciplina, por moito que se insista ou se
empreguen varios campos do saber na súa formación, o que de certo é moi
habitual.
A verdadeira praxe humanística debe ser o
máis global posibel para evitar estes coñecementos e praxes parciais,
notoriamente deficientes debido á súa tendencia xeneralizadora, da cal
precisamente non está exenta a arquitectura. Non pido unha gran Verdade, nin
moito menos a supresión destes campos a prol dunha unificación do coñecemento,
casos inúteis e/ou imposíbeis. Reclamo simplesmente a colaboración, o apoio e o
diálogo entre disciplinas, e máis aínda para a arquitectura, que tanto tempo
leva privada, na súa praxe, do contacto con outras disciplinas, especialmente
as ciencias humanas e sociais. Se, nun hipotético caso, considerásemos a
situación dunha persoa nunha cidade, e coa nosa vontade humanística
pretendéramos actuar en prol dela, os arquitectos non podemos teorizar e actuar
de forma illada. O problema do habitar urbano, na súa profundidade, e se
queremos ir máis aló do símpel ''aloxamento'', típico de calqueira sociedade
capitalista, non é un tema no que só teñan voz os arquitectos. Se ben á hora de
actuar seremos nós os que crearemos as condicións e úteis materiais
considerados necesarios á hora de realizar unha posíbel solución para o
problema (e isto considerando que manteñamos a nosa utilidade e funcións
sociais actuais, tema que se pode e debe discutir), a proxección teórica previa
debe ser cuidadosamente pensada por tódolos expertos nesta dimensión urbana do
ser humano, como poderían ser, os propios arquitectos, os urbanistas, os
sociólogos urbanos, psicólogos, antropólogos, médicos, economistas, filósofos, políticos
(ou os axentes sociais que desempeñen as funcións propias da esfera política),
artistas e/ou teóricos da estética (en función do papel que adopte a arte e a
necesidade estética no marco deste humanismo), etc. E esta acción conxunta
teórica, cunha intención de efectividade grazas a un coñecemento compartido e
discutido, non vertical nin xerarquizado, sen intencións tecnócratas nin
controladoras, será xa praxe arquitectónica-humanística, aínda que parcial, se
a súa proposta non chega a materializarse, como parcial será a soa
materialización sen o traballo anterior, por moita vontade humanística que
teña. A realización conxunta destas dúas accións (que se de verdade se fan
xuntas son e deben ser inseparábeis), é a praxe humanística completa.
Respecto a esta praxe, semella que o
coñecemento obtido para actuar en favor do ser humano e a materialización do
proxecto está, ironicamente, desvinculado do propio suxeito coma se o
estudásemos co microscopio e o axudásemos con pinzas, e este é un risco que debemos
evitar a toda costa. Ó especializarnos nas nosas disciplinas no proxecto
humanístico global non debemos alonxarnos do suxeito social e da propia
sociedade, da que non somos unha parte abstraída á hora de realizar as praxes,
coma se fósemos tecnócratas. E ante isto non debemos olvidar que a praxe
humanística é unha tarefa colectiva, mais que abarca toda a sociedade, e que
non debemos caer nos ''vicios'' intelectuais dos sectarismos e da filantropía.
Por iso, na arquitectura, débense revolucionar as formas de relación
arquitecto-sociedade, superando, sobre todo, a clásica do capitalismo
arquitecto-cliente, así como outras, como a artística-romántica, á que non
debemos acudir inconscientemente ante o noso desencanto coa anterior.
1.1 O problema
do suxeito
Así, a típica relación arquitecto-cliente é
outro dos fenómenos do sistema capitalista que non son todo o que aparentan. O
que semella unha beneficiosa situación
tanto privada como pública non é tal, porque o arquitecto non é o libre creador
e imaxinativo ser que nos deleita coa estética e uns bos espacios, senón un
técnico máis do sistema produtivo clásico (aínda estando xa na sociedade
posindustrial), asalariado coma os traballadores dunha fábrica, sen unha
participación excesivamente directa no propio proceso material de producción e
construcción, pero non por iso menos alienado. Está sempre ''ó servizo de'', o
cal non nos importaría se o fin estivese xustificado, mais non o está ó ser
guiado polos intereses privados tanto do capitalista ''persoal'' como o dunha
empresa. Non son beneficio para a sociedade as vivendas unifamiliares dos
pudientes, xa que pola lóxica de que todos habitemos igual de ben, e se
considerásemos esta forma como unha das mellores, é imposíbel o aceso total
tanto por falta de espacio, polas dificultades de xestión e pola propia
sostenibilidade (sen entrar xa na crítica da vivenda en ''pavillón'' ou do
''obxecto illado'', ideas de corte burguesa moi presentes no imaxinario
social). Tampouco está xustificado o servizo ás empresas constructoras que
subordinan o habitar, verdadeiro dereito público que todos deberíamos poder
exercer en condicións, ó beneficio privado que non revirte na sociedade. E
sabemos que o Estado liberal tampouco se guía tanto polo interese público en ningunha
das súas manifestacións prácticas. Entón, debemos cambiar o enfoque da nosa
praxe cara a un novo suxeito, a sociedade, e levar a cabo o verdadeiramente
difícil, establecer unha relación de poder que beneficie ó interese público.
1.2 O problema do espacio
Outro problema epistemolóxico que debemos
abordar é o da percepción da realidade, que na nosa disciplina tradúcese coma o
problema antropolóxico do espacio. Para actuar en consonancia á realidade,
debemos indagar nun coñecemento profundo dela, rexeitando as concecións
ortodoxas anteriores, que non por casualidade son as propias das ideoloxías e
sistemas dominantes, coma os tres tipos de espacios segundo Bauman: o
antropomórfico (previo ó capitalismo, local), o técnico (explotado dende a
modernidade e na primeira fase do capitalismo, basado en parte no espacio
panóptico, cartesiano) e o ciberespacio (o propio da globalización,
caracterizado polos movementos e o seu control). Moito coidado debemos ter cos
novos tipos de realidades que fomentan certos arquitectos actualmente,
centrándose na idea de atmósfera
ou ambiente, o que aparentemente é máis avanzado, ó desligar ó espacio
da súa clásica importancia fronte a outras dimensións da realidade, pero que en
realidade pode ser unha acepcación do ciberespacio, é dicir, que implica un
propio conservadurismo, sen chegar a
revolucionar conscientemente a percepción. Tamén con Foucault e as súas
investigacións dos espacios controladores promovidos polo Estado liberal
(escolas, manicomios, cárceres, etc.), decatámonos do perniciosos que poden ser
para o desenrolo do ser humano, polos seus intereses agochados. Desta forma, para actuar cunha praxe
verdadeiramente humanística non queda outra que focalizarnos cara o estudo da
Natureza, verdadeiro espacio, ou máis ben mundo, realidade, a habitar, problema
tratado tanto polo humanismo orixinal (véxanse as filosofías da Natureza do
Renacemento), pola Ilustración (cos materialistas franceses, por exemplo), e
mesmo polo marxismo, confluíndo todos eles na idea dunha ''volta'' á Natureza
como medio e/ou fin para unha vida máis auténtica, é dicir, menos alientante.
2. Arquitectura actual
(estudos e práctica profesional)
Respecto á aprendizaxe, debemos melloralos
estudos potenciando a multidisciplinariedade, tanto con asignaturas doutras
áreas, aínda que sexan só introductorias, ou mesmo na inclusión, por exemplo,
de traballos en grupos de alumnos de varias carreiras, dándolle a mesma
importancia que se lles da dende hai pouco, por exemplo, ós proxectos e
prácticas realizadas por alumnos dunha mesma clase.
No que nos
atinxe da práctica profesional, vivimos nunha clara situación de aporía no
que respecta á creación material arquitectónica. En España, por exemplo,
existen máis vivendas que persoas ou familias que os necesiten (se ben non
todos teñen aceso a elas, e non todas teñen a habilitación requerida), e aínda
que a nosa vontade utópica móvenos a destruír e recrear tódolo anterior a prol
dunha nova praxe máis efectiva, contamos cunha nova e gran limitación nunca
antes vista: a sustentabilidade. Un novo límite á creación
arquitectónica que non podemos evitar, e por iso debemos, adaptalo interna e
conscientemente na nosa disciplina e na nosa praxe como nova variábel, e non
polo influxo da ideoloxía hexemónica, cando esta asimile esta nova corrente. Os
materiais esgótanse, a producción destes debe contaminar o menos posíbel e o
mesmo cos propios inmóbeis, os cales son responsábeis en conxunto da metade do
gasto enerxético mundial, se aglutinamos tódolos sectores produtivos e
costrutivos maila propia vida útil do edificio. É unha grande responsabilidade
á que nos debemos adaptar, e que xera moito máis que unha problemática estética
debida ás novas formas que adaptarán as construcción trala aceptación dos
presupostos sustentábeis, porque vémonos nunha situación na que o estilo de
vida, en xeral, vai ou debe cambiar moito se se aceptan estes principios, nun
proceso que nos supera en parte, mais no que non podemos pasar desapercibidos,
senon actuar en consonancia como actores principais, tanto pola
responsabilidade como polo compromiso.
A arquitectura, no sistema ó que está
''atado'', provoca inxustizas precisamente pola creación de certas condicións
materiais que as xeran. Recoñezamos o noso papel na creación de espacios
controladores como as cárceres, propias do biopoder, e posteriormente do propio
ciberespacio (metro, zonas de shopping, etc.). Somos escravos do sistema, tanto
nas súas manifestacións privadas (negocio inmobiliario, lucrativo e especulador,
basado sempre en intereses nunca públicos), como estatais (cárceres, escolas,
espacios públicos en xeral, vivendas de protección oficial, proxectos
urbanísticos). Xa destacamos o noso descontento coa relación arquitecto-cliente
privada, pero tampouco podemos confiar en demasía do Estado, pese ás súas
promesas basadas nos ideais ilustrados asimilados polo liberalismo oficial.
Así, á hora de actuar en prol das clases baixas, por exemplo, escatima nos
orzamentos para vivendas de protección social, colexios ou nas actuacións en
xeral en zonas deprimidas, mentres constrúe edificios de utilidade social
dudábel, ou como mínimo da súa excesiva apreciación, como o son os aeroportos
(unha das máximas expresións do poder do Estado técnico) ou dos estadios (manifestación
dun actual panis et circensis onde as igrexas xa non gozan da súa
anterior atracción, por moita altura que poidan lograr agora).
3. Arquitectura
postilustrad, un posicionamento persoal
Por tódolo dito anteriormente o cambio
non pode ser só interno, senon do sistema en xeral, e nese momento
adapatarémonos a unha nova situación, na que, espero, se constrúa para todos
por igual, porque é inxustificábel un sistema no que unha persoa habite mellor
que outra, canto menos no que ós medios materiais me refiro, que é o que máis
me atinxe no meu campo. Así, dende o campo da arquitectura está xustificada a
necesidade de revolución, que non é outra cousa que o cambio do sistema
socioeconómico, das estruturas e ideoloxías hexemónicas que non permiten un desenrolo
do ser humano na dimensión do habitar que, dende a postura humanística, temos
como principio que sempre pode ser mellor, ou que polo menos sempre paga a pena
intentalo. Realmente a arquitectura non ten só competencias no problema do
habitar humano, senon tamén en boa parte das condicións materiais que o
determinan, tanto ó seu estilo de vida como á súa conciencia. Non por iso nós
levaremos a voz principal na revolución, nin, por tódolo explicado
anteriormente, témolo mellor coñecemento do ser humano, pero si reclamamos a
importancia da nosa disciplina para non caer no erro de anteriores aventuras da
civilización, as cales sempre menospreciaron o noso papel, o cal sempre lles
perxudiciou máis a eles e á propia sociedade en xeral que a nós mesmos, os cales,
mellor ou peor, sempre permanecemos, como profesión ou como manifestación
natural do ser humano.
Para min, a arquitectura humanística é máis
ben arquitectura socialista, porque entendo o socialismo como unha ideoloxía e
unha praxe (en xeral, sen entrar agora en ningunha das súas teorías concretas), continuadora e
superadora da Ilustración, que é outra das manifestacións da vontade que aquí
interésanos definir como humanismo. É ademais socialista porque esta praxe
arquitectónica-humanística ten intencións e pretende crear espacios, ambientes
ou condicións materiais que permitan e mesmo potencien a liberdade e a
igualdade, salvando as diferencias que nos preocupan (dende as de clase ata a
de xénero, pasando pola étnica e a de orientación sexual, entre as máis
recoñecidas), tamén porque busca, en xeral e de forma altruísta, actuar a favor
do ser humano incidindo no interese público, buscando, para esta tarefa o
mellor coñecemento posíbel, así como unha integración máis ''auténtica'' das
persoas na sociedade e na Natureza (asignatura pendente da arquitectura, que
debe traballar en base a unha Teoría da Natureza máis avanzada da que nos
ofrecen, por exemplo, os movementos ecoloxistas, dominadores do discurso
sustentábel).
4. A
multiculturalidade
Recoñecendo o principio de
multiculturalidade, e coa necesidade de actuar segundo un desenrolo autónomo e
auténtico de cada unha, precisamos de superar o Estilo Internacional e as
correntes posmodernas, mais agora de forma crítica, quedándonos co que de
verdade é valioso, creando un novo Movemento ou Estilo froito da reflexión, non
coma o Rexionalismo surxido trala crise deste Estilo Internacional, que pode
ter moito valor en forma de propostas individuais, con boa vontade e certa
efectividade, mais aínda é unha medida insuficiente. Debemos recuperar o
espírito dos CIAM e do Team X (non olvidemos certas máximas da Carta de Atenas:
''Non pode permitirse que por un mezquino culto do pasado, se ignoren as regras
da xustiza social'') mais superando, entre outras cousas certos presupostos
epistemolóxicos atrasados e a atitude etnocentrista, de efectos imperialistas,
que tiña o Estilo. Pero nós debemos pensar e actuar máis alá, porque a
arquitectura rexionalista (ou nacionalista, como a min me atinxe), non debe ser
unha resposta impulsiva e prexuiciosa ante os problemas impostos por este
Movemento. É unha necesidade, tanto en función da nosa práctica (hai que
adaptarse ó clima, ó entorno natural do lugar, xa só por lóxica construtiva),
como polo noso compromiso cultural e social (que nalgúns casos, debido ás
ideoloxías nacionalistas ou de gran compromiso social, levará á arquitectura a
posicionarse nun papel de gran importancia no propio desenrolo da nación e da
sociedade). Para isto debemos, ante todo, estudar as construccións
tradicionais, a arquitectura vernacular do lugar máis alá do folklore e das
formas que xa non responden ás necesidades prácticas da nosa sociedade,
estudando tamén o estilo de vida nese lugar. Pero ser ante todo fieis a este
compromiso, porque non podemos outra vez sucumbir a unhas formas impostas, e
impostas máis por unha estética que pola súa utilidade, sobre todo agora, que
se demostra a efectividade de certas solucións constructivas locais ante o
clima (o funcionalismo tan buscado racionalmente, preséntase aquí da forma máis
natural e instintiva posíbel, coma as construccións dalgúns animais), e mesmo á
sostenibilidade (emprego de recursos locais, construcción tradiciona, etc.).
Por todo isto reclamo tanto para este estudo como para a praxe unha escola en
cada rexión e unha arquitectura para cada nación.
5. Conclusión
Nesta escolma de ideas presentadas aínda
faltan moitas por seren mostradas e desenroladas, mais o espacio e a limitada
formación limitan a un tratamento superficial, do que, espero, se valoren máis
as intencións que o resto, cousa que non reclamarei máis adiante, o cal me
parecería irresponsábel pola miña parte. Desta forma, importantes temas como as
implicacións da estética nesta nova situación ou a temporalidade quedan sen
tratar, pero non olvidada a súa importancia, sendo aínda factores determinantes
do desenrolo dos outros temas tratados.
A S. Carrillo e I. D. Pardo, primus
inter pares
Barcelona- A
Coruña- Lisboa, marzo e abril de 2012
Cap comentari:
Publica un comentari a l'entrada